15/6/08

O CEIP Unión Mugardesa acolleu un obradoiro dedicado á Creación Literaria

Durante a primeira semana de xuño o noso centro acolleu un obradoiro de Creación Literaria no que participaron 20 alumnos de 6 de Primaria, organizado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e financia a Dirección Xeral de Xuventude, que depende da Consellería da Vicepresidencia. O encargado de impartir este taller literario, que principiou o día 2 de xuño e rematou o día 6 do mesmo mes, foi nesta ocasión o escritor, poeta e xornalista Carlos Vázquez.

A traxectoria
Carlos Vázquez é membro da AELG e natural de Láncara anque vive en Lugo e a súa traxectoria está vencellada ao mundo das letras dende que do seu maxín comezaron a saír os primeiros versos. A finais da década dos noventa realizou unha xira a través da Galería Sargadelos por distintas capitais galegas a fin de recitar os seus poemas, a meirande parte deles aínda inéditos, anque outros foron radiados en distintas emisoras locais e algunha nacional –como no programa Hoy por Hoy da Cadena SER que entón dirixía o mítico xornalista Iñaki Gabilondo–; tamén varios deles apareceron publicados en revistas como Xistral. Posteriormente, Vázquez publicou o seu primeiro libro: “Unha de romanos”, unha obra narrativa escrita en tan só unha fin de semana e onde se fabula co pasado da Muralla de Lugo, contada a través da visión dun avó que quere entreter e ensinar ao seu neto. Trátase dunha obra entretida e sobretodo didáctica, como recoñece o propio autor.

Vindeira novela
Vázquez é autor dun bo número de relatos, algúns deles publicados en revistas e xornais, e acaba de rematar unha novela longa e inédita chamada “Os soños rachados”, onde se narran distintas situacións, presentes e pretéritas que atravesan polo medio e medio da vida dos personaxes aquí recollidos. O tema principal é o maltrato ás mulleres, especialmente no rural, anque tamén se recolle os efectos da Guerra Civil española. Trátase, sen dúbida, como salienta o propio autor, dunha novela moi comprometida cos problemas que atinxen á sociedade. Anque esta non é a única que ten escrita, o autor tenlle especial consideración e agarda vela publicada en moi breve curto espazo de tempo.

Nos medios
Onde podemos atopar, sen embargo, o maior labor creativo de Carlos Vázquez é nos medios de comunicación nos que colabora e traballa dende hai unha década. Primeiro escribiu no diario El Progreso anque a súa maior experiencia está vencellada a La Voz de Galicia, diario para o que traballou nos últimos anos.
Ademais, de prensa escrita, Carlos Vázquez tamén colaborou nos últimos tempos con distintas emisoras de radio como a Cope, despois a Cadena Ser, anque onde traballou realmente como tal foi en Radio Voz, emisora pertencente á Corporación La Voz de Galicia.

IMPRESIÓNS DE CARLOS VÁZQUEZ E DO SEU OBRADOIRO
Durante estas dez horas os alumnos de 6 de Primaria do CEIP Unión Mugardesa achegáronse ao mundo literario, concretamente ao da creación de contos. A lectura en alto, a exposición en público empregando a lingua galega, o debate e algunhas claves básicas para poder desenvolver con soltura unha historia de ficción foron os piares deste obradoiro onde, como non podía ser menos, ocupou un lugar salientable a creación de contos realizada por cada alumno.

Partido desas premisas, explicóuselle aos participantes deste taller literario a importancia dun patrimonio como o idioma galego, tan importante como calquera outro patrimonio. Valorar na súa xusta medida e aprender a quererlle á lingua de Galicia foron outros dos aspectos de fondo.

Os alumnos participaron con gran entusiasmo, atendendo ás explicacións, dando como resultado unha maior concienciación e, sobre todo, deixando ver que teñen un nivel moi alto á hora de poñer a traballar o seu maxín. Por iso a conclusión ten que ser moi satisfactoria para todos.

No hay comentarios: